O obxectivo xeral deste Posgrao é a formación de profesionais con dominio nas técnicas de mediación nos diferentes ámbitos nos que se poida dar un conflito. Entre as formas de solución dos conflitos cobraron importancia nos últimos tempos as ADR, "Alternative Dispute Resolution", as formas de resolución alternativa dos conflitos, como contraposición á forma habitual de resolución que foi acudir aos tribunais de xustiza.
Como é ben sabido, a solución aos problemas sociais que ofrecen os tribunais dista moito de ser a máis satisfactoria, o que se pon de manifesto especialmente cando o conflito incide no ámbito das relacións persoais dos suxeitos en conflito.
Entre outras cousas, atribúese á xurisdición lentitude na resolución dos conflitos, pouco coñecemento do conflito en si, información insuficiente, e, sobre todo, limitada eficacia das resolucións.
A insuficiencia da resolución dos conflitos pola tradicional vía xurisdicional faise patente sobre todo no ámbito das relacións familiares (separación, divorcio, separación da parella de feito, conflitos entre pais e fillas/os, entre nais/pais e avoas/ós...), aínda que tamén noutros ámbitos nos que o denominador común é a continuidade da relación entre as persoas en conflito, como pode ser o caso de conflitos escolares, laborais, empresariais, etc.
A mediación aparece como unha forma de resolución do conflito alternativa á xurisdición, a través da cal as partes chegan per se a unha solución coa axuda dun/unha mediador/a, que coa súa formación ofrece ás partes novas vías de diálogo e entendemento.
Os obxectivos específicos son:
- Formar á/ao estudante no coñecemento das técnicas de avaliación de conflitos e actitudes persoais.
- Formar en técnicas de negociación.
- Formar á/ao estudante de forma integral nos campos nos que é susceptible a mediación (Dereito de familia, adopción, menores, conflitos escolares, conflitos laborais, etc.).
- Formar á/ao estudante nas técnicas de mediación.