QUE LEVA Ó RECOÑECEMENTO DO DEREITO A XUSTIZA GRATUÍTA
O dereito á asistencia xurídica gratuíta comprende as seguintes prestacións:
1. Asesoramento e orientación gratuítos previos ao proceso a quen pretenda reclama-la tutela xudicial dos seus dereitos e intereses, así como información sobre a posibilidade de recorrer á mediación ou outros medios extraxudiciais de solución de conflitos cando teñan por obxecto evita-lo conflito procesual ou analiza-la viabilidade da pretensión.
Cando se trate de vítimas de violencia de xénero, de terrorismo e de trata de seres humanos, así como de menores de idade e as persoas con discapacidade intelectual ou enfermidade mental, a asistencia xurídica gratuíta comprenderá asesoramento e orientación gratuítos no momento inmediatamente previo á interposición de denuncia ou querela.
2.- Asistencia de avogado ao detido, preso ou imputado que non o designou, para calquera dilixencia policial que non sexa consecuencia dun procedemento penal en curso ou na súa primeira comparecencia ante un órgano xurisdicional, ou cando esta se leve a cabo por medio de auxilio xudicial e o detido, preso ou imputado non designara avogado no lugar onde se preste.
3.- Designación de Avogado e Procurador de Oficio en procedementos nos que sexa obrigatoria a súa intervención. Se a intervención letrada non fose preceptiva, pode solicitar do Xulgado que, motivadamente, comine ao Colexio de Avogados a súa designación ou ben, a designación sexa expresamente requirida polo Xulgado ou Tribunal mediante auto motivado para garantir a igualdade das partes no proceso.
Tamén pode acudir ao procedemento con profesionais da súa confianza, ben aboándolles os seus honorarios, ben renunciando estes ao cobro, sen perder o resto dos beneficios da Xustiza Gratuíta.
4.- Asistencia pericial gratuíta cando fose necesaria.
5.- Dereito a dispoñer de intérprete na súa lingua orixinaria.
6.- Exoneración do pago das custas procesuais de serlle impostas en xuízo, salvo que no prazo de tres anos viñese a mellor fortuna (cuádruplo do IPREM).
7.- Exención do pago de taxas para interpoñer recursos.
8.- Inserción gratuíta de edictos ou anuncios en boletíns oficiais.
9.- Redución de aranceis de Notarías e Rexistros, e no caso de que os ingresos anuais do cidadán sexan inferiores ao IPREM, a súa exención, para a obtención de copias, testemuños, instrumentos e actas notariais, certificacións, anotacións, asentos e inscricións nos Rexistros da Propiedade e Mercantil, cando teñan relación directa co proceso.
A asistencia Xurídica Gratuíta esténdese a tódolos trámites, incidencias e recursos en relación co procedemento para o que lle foi recoñecida, incluída a execución da resolución xudicial durante dous anos.