Os próximos días 29 e 30 de marzo celebrarase en Afundación da Coruña a cuarta edición das Xornadas de Dereito de Familia de Galicia que a avogacía galega organiza en colaboración coa Asociación Española de Abogados de Familia (AEAFA).
Contaremos de novo con cualificados profesionais que disertarán sobre temas propios desta materia e outros temas de actualidade con gran incidencia nas relacións familiares.
A visión de recoñecidos profesionais en asuntos de gran actualidade
Por primeira vez nas Xornadas de Dereito de Familia abordaranse algunhas cuestións desde outras perspectivas profesionais, non soamente desde a xudicial. Así, as Xornadas serán iniciadas coa participación de María Jesús Mardomingo Sanz, Doutora en Menciña e Especialista en Psiquiatría do neno e do adolescente, quen abordará o tratamento das rupturas matrimoniais desde a fundamental posición do menor. A continuación, a Doutora en Dereito pola Universidade Pontificia de Comillas, Irene Culebras, abordará como se regulan as unións non matrimoniais no ordenamento xurídico.
Na sesión da tarde do primeiro día contaremos coa participación de Felipe Fernando Mateo Bueno, avogado que levou o caso da sentenza pioneira sobre a perda do uso da vivenda familiar se na casa entra un terceiro. O primeiro día finalizará cun foro aberto sobre menores e relacións non matrimoniais no que se tratarán dúbidas e cuestións formuladas polos asistentes. Os temas e preguntas a tratar neste foro serán enviadas polos asistentes con antelación ao enderezo xornadas@familia.gal para seren debatidas en aberto.
A xornada do sábado inciarase coa participación de Lourdes Carballo Fidalgo, avogada e Decana do Ilustre Colexio de Avogados de Vigo, quen tratará os problemas e necesidades en execución de resolucións en materia de familia. Esta edición das Xornadas culminará coa ponencia do Maxistrado da Sala Primeira do Tribunal Supremo José Antonio Seijas Quintana, recentemente xubilado e responsable da meirande parte de sentenzas novedosas dos últimos anos de familia.
Máis información
Toda a información das Xornadas pode consultarse en http://familia.gal/ e a inscrición ás mesmas pode realizarse en http://familia.gal/es/inscripcion/.
Desde a organización esperamos que esta cuarta edición das Xornadas de Dereito de Familia vos resulte de interese e poidamos vernos os días 29 e 30 de marzo en Afundación.