O Consello da Avogacía Galega (CAG) acaba de poñer en marcha un Servizo de Intermediación en materia de vivenda, co obxectivo de ampliar o labor de asesoramento que vén ofrecendo dende o ano 2020 para casos de ocupación e desafiuzamento, no marco do convenio de colaboración asinado co Instituto Galego da Vivenda e Solo da Xunta de Galicia.
Este novo servizo vén dar resposta á Lei 12/2023, do 24 de maio de dereito á vivenda, que introduce a obriga de implantar un procedemento de intermediación, como requisito previo para a admisión de demandas para recuperar a posesión das vivendas nas que se dean as seguintes circunstancias: que o demandante sexa un gran tenedor, que o inmoble obxecto da demanda constitúa a vivenda habitual do ocupante e que este se atope en situación de vulnerabilidade económica.
Así pois, o Servizo de Intermediación do CAG nace para cubrir unha necesidade legal, que en última instancia pretende evitar que as persoas en situación de desamparo perdan a súa vivenda habitual, permitindo a negociación e que poidan acollerse a outros programas existentes en materia de acceso á vivenda postos en marcha pola Xunta de Galicia.
Instituto Galego de Mediación e Arbitraxe (Ingalmar)
O servizo prestarase a través do Instituto Galego de Mediación e Arbitraxe (Ingalmar), dependente do Consello da Avogacía Galega e dos colexios de Avogados adscritos ao mesmo, a través dos seus respectivos servizos de mediación.
Para solicitalo é preciso cubrir un formulario accedendo a través da web do CAG. https://avogacia.gal/servizo-intermediacion/ O procedemento desenvolverase nunha sesión inicial informativa e un máximo de dúas sesións posteriores ata a consecución dun acordo ou ata que a posibilidade do acordo quede descartada. En todo caso, o proceso non durará máis dun mes, salvo casos debidamente motivados. A Xunta subvencionará a parte que a persoa en situación de vulnerabilidade económica tería que pagar como taxa de procedemento de intermediación.
Orientación en procedementos administrativos e xudiciais
No marco deste acordo, o Consello da Avogacía tamén orientará en todos aqueles aspectos referentes a procedementos administrativos e xudiciais en materia de dereitos e obrigas das persoas en risco de perder a súa vivenda como consecuencia dun procedemento de execución hipotecaria, por impago de rendas de alugueiro ou por calquera outra circunstancia imprevista ou sobrevida, sempre que esta vivenda constitúa o seu domicilio habitual e permanente.
O CAG tamén asesorará sobre a existencia do Programa de atención a persoas en risco de desafiuzamento, a efectos da aplicación do protocolo de actuación existente entre dito programa e o Instituto Galego de Vivenda e Solo.
Asesoramento a propietarios e usufrutuarios
O CAG orientará tamén aos propietarios ou usufrutuarios afectados por intrusións non autorizadas nas súas vivendas, para que saiban como actuar ante estas situacións.
Todos os servizos prestaranse a través dun sistema de consulta en liña e un número 900 atendido por avogados das entidades colexiais adscritas ao Consello da Avogacía Galega, de luns a venres en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas e os sábados de 10:00 a 14:00 horas.