O Consello da Avogacía Galega -CAG,- integrado polos colexios da avogacía da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, renovou o servizo de asesoramento gratuíto para atender casos de ocupación ilegal e perda de vivenda por desafiuzamento, en virtude dun novo acordo de colaboración co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) da Xunta de Galicia.
O propósito do devandito convenio é protexer o dereito á vivenda, mantendo canles de asesoramento para que as persoas en situación de desamparo non perdan a súa vivenda habitual ou, en caso necesario, poidan acollerse aos programas existentes en materia de acceso á vivenda, así como posibilitar que os propietarios ou usufrutuarios de vivendas que foron ocupadas ilegalmente saiban como actuar para recuperala.
As devanditas canles de asesoramento son os seguintes: O teléfono 900 121 221, que será atendido por un letrado de garda en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas de luns a venres e de 10.00 a 14.00 horas os sábados; e dous formularios en liña (un en materia de ocupación e outro de desafiuzamento), aos que se poderá acceder a través da web do Consello da Avogacía Galega (https://avogacia.gal/convenio-vivenda-2023/) e que se responderán nun prazo de 24/48 horas máximo.
Un servizo a cargo de 148 letrados
Os profesionais de garda atenderán consultas de toda Galicia, con independencia do colexio ao que pertenzan. En total serán 148 letrados e letradas, seleccionados por cada un dos 7 colexios da avogacía de Galicia e baixo a coordinación do Consello.
A través de ambas as canles ofrecerase asesoramento e orientación gratuítos en trámites de carácter administrativo e xudicial no ámbito relacionado cos dereitos e obrigacións das persoas con risco de perder a súa vivenda por un procedemento de execución hipotecaria, pola falta de pagamento da renda de aluguer ou por calquera outra circunstancia imprevista ou sobrevinda, sempre que esa vivenda constitúa o seu domicilio habitual.
Así mesmo, informarase o programa de atención ás persoas en risco de desafiuzamento para os efectos da posta en marcha do protocolo de actuación existente.
O Consello habilitou un espazo na aula virtual onde os letrados e letradas poden atopar información e documentación para o seu labor de asesoramento.
Guías informativas
O Consello da Avogacía Galega tamén elaborou dúas guías informativas sobre os trámites administrativos e xudiciais e sobre os dereitos e obrigacións das persoas afectadas por okupacións e desafiuzamentos, que se poden descargar directamente da súa páxina web.
Sobre o Consello da Avogacía Galega
O Consello da Avogacía Galega é unha corporación de dereito público que representa a profesión de avogado en Galicia. Aglutina e coordina ao sete Colexios de Avogados: A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo.
É o portavoz da profesión e ten como funcións, entre outras, a de velar pola formación dos profesionais da avogacía e o control deontolóxico.
Gabinete de comunicación , Servizo de Atención do CAG. Tel.: 881 87 89 19